Friday 19 de April de 2024

Sae a contratación o equipamento do centro de transformación alimentaria promovido por Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño


Os pregos poden descargarse desde o perfil de contratante do Concello de Moeche, entidade que licita o subministro e a instalación dos equipos

Avanzan a bo ritmo as obras de conversión da antiga nave dos queixos de San Ramón no que será en breve o Centro comarcal de Apoio ao Desenvolvemento Rural. Un equipamento destinado á formación e á transformación alimentaria impulsado por Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño que conta con financiamento provincial e tamén europeo, a través do programa Leader xestionado polo grupo Seitura 22. Na parte correspondente á estrutura vanse investir algo máis de 135.000 euros, mentres que para a maquinaria de procesado que se instalará no seu interior hai reservados 54.055 euros (IVE non incluído). O Concello de Moeche xa publicou na plataforma de contratación do sector público os pregos correspondentes á súa licitación. As empresas do que queiran presentar ofertas teñen de prazo até as 23.59h. do día 18 de novembro.

Os pregos técnicos indican que o contrato abranguerá a subministración do equipamento e, de ser o caso, a instalación dos aparellos que requiran posta en funcionamento. No proxecto descríbense cinco liñas de procesado ou produción relacionadas co ámbito da transformación alimentaria e detállase todo o que será necesario para o seu funcionamento.

A primeira das actividades que se poderán levar a cabo no centro será a de extracción e envasado de mel. O capítulo está orzamentado en 8.805€ máis IVE, que se destinarán á merca dunha desoperculadora semiautomática, un extractor para oito cadros, un madurador con capacidade para 200 quilos de produto e unha envasadora, ademais doutros utensilios e ferramentas de menor cuantía económica.

Outra das dependencias que se equipará terá como finalidade o almacenamento e recepción de materia prima hortofructícola. Para iso a adxudicataria deberá subministrar e instalar unha cámara frigorífica, un tanque de lavado con capacidade mínima de 200 kg., unha báscula e unha mesa. O orzamento deste subapartado ascende a 6.400 euros máis IVE.

Un dos obxectivos do Centro comarcal de Apoio ao Desenvolvemento Rural será facilitar a transformación de excedentes de froita e vexetais. A iso dedicaranse tres das liñas proxectadas no espazo. Así, para a sala de procesado de alimentos vexetais orzamentáronse 3.250 euros dedicados á subministración dun fregadoiro, unha lavalouzas industrial, unha báscula, unha etiquetadora para frascos e botellas e unha mesa de aceiro inoxidable. Outros 23.350 euros máis IVE -o capítulo de maior importe- irán para os aparellos de conservación dos elaborados: cociña, extractor, batedor, utensilios -potas, garfos, coitelos, culleres, etc.- e, sobre todo, unha máquina autoclave de 150 l. de capacidade que se utilizará para esterilizar os alimentos envasados ao baleiro.

A liña de zumes suporá un investimento superior aos 12.000 euros e irá equipada con prensa, tamizadora, pasteurizadora, mesa refrixerada, dúas mesas auxiliares e un carriño.

A subministración e instalación de todos estes materiais sae a licitación pública por procedemento aberto simplificado e por un importe de 54.055 euros máis IVE, é dicir, 65.406,55 euros IVE incluído, que se sufragarán con cargo á axuda obtida do programa Leader.

As empresas poden consultar a documentación técnica e administrativa na plataforma de contratación co sector público. Terán de prazo para presentar as súas propostas até as 23.59h. do 18 de novembro. O tempo máximo de execución establécese nun mes desde a sinatura do contrato. Porén, ese límite temporal podería ampliarse no caso de que as obras de acondicionamento do recinto -xa adxudicadas e en marcha por 135.000€- non estivesen aínda rematadas nese momento. Para a adxudicación valorarase nun 55% o factor prezo, un 25% o incremento do prazo da garantía e un 20% a redución dos prazos sobre o indicado como tope nos pregos.